Friday 17 de May de 2024

A Deputación destina 403.000 euros para apoiar as entidades asociativas agrarias, labregas e forestais da provincia


Apoiar a produción e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, fomentar o uso de novas tecnoloxías nas explotacións, implantar accións de mellora xenética do gando ou desenvolver accións orientadas ao aproveitamento do monte e a prevención de incendios son algúns dos obxectos desta convocatoria

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria de dúas liñas de subvencións dirixidas a entidades asociativas agrarias e labregas da provincia, cun orzamento total de 403.000 euros.

Estas axudas teñen como obxectivo impulsar melloras en sectores clave para a economía coruñesa coma o agrario, o lácteo ou o forestal, segundo afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Apoiar a produción e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, fomentar o uso de novas tecnoloxías nas explotacións, implantar accións de mellora xenética do gando ou desenvolver accións orientadas ao aproveitamento do monte e a prevención de incendios son algúns dos obxectos desta convocatoria.

Poderán concorrer a estas axudas as asociacións agrarias, labregas, gandeiras e forestais sen ánimo de lucro, así como as cooperativas, sociedades agrarias de transformación, asociación de cazadores e comunidades de montes de man común legalmente constituídas, cun mínimo de 25 socios e con sede en calquera municipio da provincia da Coruña.

No apartado de investimentos, as subvencións oscilarán entre os 1.000 e os 24.000 euros e poderán destinarse a cuestións coma acondicionamento de locais, adquisición ou adecuación técnica de maquinaria específica, implantación de novas tecnoloxías ou enerxías renovables, repoboación forestal, etc.

Na liña de actividades, as axudas tamén irán dos 1.000 aos 24.000 euros e poden destinarse ao financiamento de contratación de persoal técnico especializado , labores de implantación e acondicionamento de cultivos, rozas, podas ou tratamentos silvícolas para a prevención de incendios, entre outras cuestións.